2008/11/15

O IMPERIO DOS IDIOTAS, de tu amigo Toño Pinto (con permiso de EL PROGRESO de Lugo)

Free Web Counters


http://elprogreso.galiciae.com/nova/20346.html

A democracia é tan nova que apenas tivemos tempo de apreciar o seu valor. Coñecemos ben os privilexios que nos regala. Rexeitamos as súas imposicións. Vivimos comodamente nunha democracia de banda ancha. Como debe ser. Como debería ser se unha serie de normas e límites encarrilara a convivencia.

Sen límites autoimpostos, sen normas impostas e obrigadas a cumprir, unha inmensa minoría impón a súa lei: a lei do máis forte, a lei da selva, a lei dos matóns. Esa lei resúmese facilmente nunha soa frase: “Fago o que quero, porque quero, onde quero e porque me da a gana”.

Os resultados son facilmente visibles na cidade. As seis árbores mártires de Bispo Aguirre coas polas esgazadas. Os centos de pintadas impunes que dan ás rúas e edificios de Lugo un aspecto sucio e cotroso, mesmo as casas que foron rehabilitados con tanto gusto e tantísimos cartos públicos no Lugo intramuros. As papeleiras rebentadas a couces. O botellón da nosa desgraza que exaspera cada fin de semana ós moradores da zona do Parque de Rosalía. O adarve da Muralla Patrimonio da Humanidade que soporta cada fin de semana agresións intolerables para a veciñanza e para a cultura. O mobiliario urbano. E os tesouriños ecolóxicos que perviven na cidade.

Pódense ver, deambulando polas rúas, auténticos buratos negros cerebrais, berrando como energúmenos, mexando nos muros, ou a mil por hora preguntándose a gargalladas que carallo significan as letras de Stop nos cruces, coa música a todo volume nas madrugadas de viño e rosas da cidade bimilenaria. Con total e absoluta impunidade: ospais dormen e a Policía non está de garda.

Esa cousa tan dura e esixente chamada liberdade, a participación cidadá, o respecto ó outro, a boa educación, o poñerse no lugar do outro, a cortesía... en fin esas miudezas, foron desaparecendo irremediablemente das nosas relacións. Unha mágoa: eran ben baratas e facían infinitamente doada e agradable a convivencia.

A dura disciplina do medo, de tempos felizmente pasados, non atopa substituto adecuado na democracia. Pero a disciplina, o respecto a autoridade, a arte de vivir convivindo son valores esenciais en toda democracia máis aló dos discursos progresistas e conservadores.

Pero estamos onde estamos, e temos o que temos. Os pais botan a culpa —con toda a razón do mundo— ós políticos e á sociedade. E os gobernos —cargados de razón— piden responsabilidades á escola e ós mestres. Profesoras e profesores —con máis razón que santos— din que a educación dos fillos é cousa da familias. E nais e pais, sobrepasados por pequenos bardallas con complexo de embigo, xogan á oca botando a culpa á sociedade e ós gobernantes. E mentres a roda xira e xira, o tempo vai pasando para os nosos rapaces ben comidos e mellor vestidos. Algúns deles, mimados e maleducados, maltratados por sobreprotección, medran e crecen sen normas e sen límites.

Así andamos, con trinta anos xa de democracia no lombo. Se fóra por leis, temos bibliotecas enteiras que non son capaces de termar da abondosa sementeira lexislativa. E temos hemiciclos políticos lexislando nas dezasete esquinas do mapa. Pero a cidade, os cidadáns e as cidadás sobreviven como poden baixo o imperio dos idiotas.

13/11/2008

2 comentarios:

mariano santiso dijo...

Hemos pasado de la generación oprimida por los padres a la generación oprimida por los hijos en muchos casos.

Anónimo dijo...

Por eso alguien nos llamó la "generacion sandwich".
Salud